A importancia da hixiene de mans
Por Redacción
Con motivo da celebración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra este sábado 5 de maio, o servizo de Medicina Preventiva de Pontevedra deseñou unha guía que recolle as medidas necesarias para previr a propagación de infeccións.
O obxectivo é contribuír a mellorar a seguridade do paciente, de aí que a guía estea dirixida tanto aos profesionais sanitarios como aos propios doentes, familiares e usuarios dos centros hospitalarios.
Neste senso, lémbrase aos usuarios que deben fregar as súas mans durante 15 segundos con auga e xabón ou cun produto de base alcólica, especialmente despois de tocar aos pacientes ou ás superficies ou obxectos das habitacións dos hospitais, así como antes de comer e despois de ir ao aseo.
As infeccións relacionadas coa atención sanitaria supoñen unha seria carga de enfermidade e teñen un efecto económico considerable nos pacientes e nos sistemas sanitarios de todo o mundo. A sinxela tarefa de hixienizarse as mans nos momentos axeitados e da forma correcta, pode salvar vidas, de aí a importancia de concienciar aos profesionais e á poboación en xeral.
A convocatoria dun concurso de carteis sobre hixiene de mans, por cuarto ano consecutivo e aberto a todos os traballadores de Atención Primaria, Hospitalaria e Sociosanitaria da EOXI de Pontevedra e O Salnés, foi outro dos eventos destacados dentro da campaña de concienciación sobre a importancia da hixiene de mans emprendida na área sanitaria.
A xerencia dos hospitais públicos de Pontevedra e o Salnés fixo entrega do premio da IV edición do concurso de carteis a José Antonio Losada, e obtiveron senllos accésits os traballos presentados por Eva Carpintero Sánchez e Vanesa Grandal Barreiro.
Unha porcentaxe da dotación económica dos galardóns será doada á asociación pontevedresa Boa Vida para contribuír á loita contra a exclusión social.