Pontevedra, un proxecto municipal que para o BNG "camiña sen medo e sempre cara adiante"
Preto de 2.000 persoas participaron onte á noite na multitudinaria cea organizada polo BNG no Recinto Feiral de Pontevedra, toda unha exhibición de "músculo" e respaldo social que marca, sen dúbida, o inicio da precampaña electoral para as eleccións municipais que se celebrarán xusto dentro dun ano, en maio de 2019.
Baixo o lema "Imos cara adiante", os nacionalistas lograron reunir a unha ampla representación da sociedade pontevedresa, entre eles numerosos empresarios, portavoces veciñais, personalidades do mundo da cultura ou o deporte, colectivos sociais ou persoas que, a título individual, quixeron estar presentes nesta cea.
Anabel Gulías, un valor en alza dentro do BNG pontevedrés, foi a encargada de abrir a rolda de intervencións previas ao convite. A concelleira destacou o proxecto "común" que defende o equipo de goberno de Pontevedra, formado por un grupo "cohesionado, honesto e comprometido" cunha cidade que "fixemos entre todos os pontevedreses".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou estar "contenta" de ver ao alcalde de Pontevedra "máis en forma que nunca" e con ánimo e ideas para seguir transformando a cidade. "É un orgullo ter persoas como Lores liderando un proxecto de cidade, que apostou pola potencia de Pontevedra e nos situou a nivel internacional", sinalou.
No seu discurso, Pontón subliñou que á fronte do goberno municipal hai persoas "decentes, serias e honestas", que demostran que "con orgullo de país temos todo por gañar, mentres outras formacións están centradas en "navalladas" ou en "intrigas palaciegas".
A dereita española, "a azul e a laranxa" matizou a líder do BNG, non saben que facer para "tapar" unha corrupción que "xa non lle colle debaixo das alfombras", mentres que a esquerda "dá igual que sexa nova ou vella", engadiu, están "máis preocupados" polas súas leas internas que polos problemas dos cidadáns.
Ana Pontón puxo ao goberno de Lores como exemplo do "bo facer" do BNG, especialmente fronte a un PP do que dixo que "non ten proxecto nin futuro para Pontevedra", máis aló de que ENCE "siga contaminando" a comarca. A este respecto, sinalou entre aplausos que, "con aparicións marianas ou sen elas", os pontevedreses "imos sacala da ría".
Un Miguel Anxo Fernández Lores lixeiramente afónico tomou a palabra a continuación para agradecer o "compromiso, lealdade e entusiasmo" dos asistentes á cea con Pontevedra e co proxecto do BNG para a cidade.
No "proxecto Pontevedra", sinalou Fernández Lores, "collemos todos" e mostrouse convencido de que "o mellor está por chegar"
O proxecto Pontevedra, destacou Fernández Lores, non é do alcalde, nin do "magnífico" equipo de goberno ou da "abnegada e entregada" militancia do BNG, senón que é un traballo "colectivo" de todas aquelas persoas "que lle queren a Pontevedra, que queren un futuro mellor e están dispostas a deixar ao carón prexuízos e ataduras e sumar forzas para avanzar".
Neste modelo, engadiu, "collemos todos" e mostrouse convencido de que "o mellor está por chegar", polo que os miles de pontevedreses que apostan por este proxecto "non podemos abandonar" e, entre eles, "eu o primeiro", logrando sumar "cada vez máis xente" para que o avance de Pontevedra "se acelere".
Tras destacar que Pontevedra é hoxe un "referente positivo" en todo o mundo, o alcalde lembrou que "nunca na historia" viuse na cidade o actual volume de investimentos, tanto municipal como doutras administracións, e que mellorarán "moitísimo" o municipio no próximos cinco anos.
"Lexos de parar, avanzamos cara o futuro", sinalou Lores, que quixo poñer en valor a "intelixencia, ilusión e compromiso" que existe no seo do goberno municipal para seguir traballando por Pontevedra, convencidos de que "temos un mellor futuro ao noso alcance".
A cea do BNG, ademais, incluíu unha sorpresa musical. Durante o evento estreouse a canción "Segue cara adiante", composta por Gonzalo Maceiras, na que o propio Miguel Anxo Fernández Lores "debuta" como cantante. Faino acompañado de Mariña, vocalista da banda Furious Monkey House, Cora Sayers, Xaquín Moreda de Maravallada ou un dos grupos que participan nos Cantos de Taberna.
Relacionadas:
-
Pontevedra quedou sen presidente: Mariano Rajoy, desaloxado da Moncloa
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, o referente do BNG para "fortalecer" a súa presenza nas cidades
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Anabel Gulías ve en Lores ao "mellor dos candidatos posibles" e descarta un debate sobre a súa sucesión
Por Diego Espiño |
-
Así é 'Segue cara adiante', o "debut" musical de Lores
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG anuncia unha sorpresa na cea do Recinto Feiral á que xa se apuntaron máis de 1.800 persoas
Por Redacción |
-
"Vén cear con nós", invitación do BNG a quen queira que a cidade "siga avanzando"
Por Alejandro Espiño |