Máis de 350 rapaces participan no cross escolar do colexio Vilaverde
Por Redacción
Unha xornada de festa e diversión. Así foi este sábado o que se viviu no colexio Vilaverde de Mourente. Un total de 351 rapaces dos centros educativos de Pontevedra participaron na edición número 24 do tradicional cross escolar.
A proba estaba aberta á participación de todos os alumnos de educación infantil e primaria dos centros escolares públicos do concello, que se achegaron ata os arredores do Vilaverde.
Houbo nenos e nenas de A Xunqueira 2, Álvarez Limeses, Ponte Sampaio, Vilaverde, Manuel Vidal Portela, Barcelos, Campolongo, Marcos da Portela, Crespo Rivas e Fina Casalderrey.
Os nenos percorreron diferentes distancias, desde os 150 metros dos nenos de educación infantil ata os 1.200 metros dos rapaces de quinto e sexto de primaria.
Ademais, tamén houbo unha carreira para ex alumnos -de 1.500 metros- e tamén para corenta nais, pais, avós ou avoas que se animaron a participar correndo 250 metros, o que fixo que este cross escolar fora un evento do que gozou toda a familia.
Esta actividade contou coa colaboración da Cruz Vermella, a Policía Local de Pontevedra, Protección Civil e o Concello de Pontevedra.
Nas rúas Valdecorvos, Vilaverde, Ángel Limeses e San Amaro houbo cortes de tráfico para permitir o normal desenvolvemento das carreiras.