O arrecendo dos callos faise notar en Forzáns
Por Redacción
Os veciños de Forzáns celebraron este domingo a duodécima edición da súa tradicional Festa de Exaltación Gastronómica dos Callos, todo un clásico no calendario festivo de Ponte Caldelas.
A festa celebrouse nun domingo asollado e, a pesar da calor, os veciños achegáronse ata a festa da degustar un prato de callos, preparados ao estilo da zona, onde o sabor e a presenza de especias empregadas con destreza fan desta receita un dos segredos mellor gardados das cociñeiras que se encargan de preparalos.
Os produtos galegos de calidade empregados na preparación de tan suculento prato foron adquiridos en Carnicería Cándido da praza de abastos de Ponte Caldelas, como unha aposta clara e decidida polo comercio local.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, acudiu ata Forzáns para compartir cos veciños esta xornada de festa. Entre outros, tamén se achegaron o tenente de alcalde, Lito Muíños, ou concelleiros do Partido Popular.
O encontro veciñal foi aproveitado pola directiva da asociación cultural O Torreiro de Forzáns para informar aos socios do agradecemento transmitido por Cáritas de Ponte Caldelas e o comedor social de San Francisco de Pontevedra pola recente entrega de tres toneladas de alimentos.