Preséntase a asociación Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén
Por Redacción
Ponte Caldelas conta cunha nova asociación que baixo o nome de Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén quere loitar en defensa da igualdade e da xustiza social con perspectiva de xénero.
A Casa da Cultura de Ponte Caldelas foi o marco no que se presentou este colectivo durante o acto de homenaxe histórica a todas as "mulleres bravas" da comarca.
Durante este evento inaugurouse unha exposición de fotografías e proxectáronse vídeos con entrevistas a cinco matriarcas. Ao acto acudiu a presidenta de AMAVO, Isabel Pregal, ademais do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; o concelleiro de Cerdedo-Cotobade, Fernando Vázquez; a concelleira de Soutomaior, Cristina González e a presidenta das Mulleres Rurais de Fornelos de Montes, Esther Piñeiro.
Os vídeos ofrecidos utilizaban o Día da Nai como fío condutor e ofrecéronse reflexións de cinco mulleres que contan a súa historia como traballadoras do campo ou como mariscadoras, ademais de narrar usos e costumes de décadas atrás.
Mulleres en Acción engloba estes vídeos dentro do proxecto 'Banco amigo', no que se abre un espazo para charlar con persoas maiores e axudarlles a combater a soidade.