Dous paneis interactivos achegarán aos visitantes os recursos turísticos de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas e a Deputación Provincial de Pontevedra poñen en marcha un novo recurso público para agrupar e reforzar a información turística que se achega ao visitante. Trátase de dous paneis interactivos no comezo do paseo da Calzada e na entrada ao núcleo de Tourón nos que é posible descargar boa parte da información relevante sobre os fitos do municipio.
Os paneis, que contan cun código QR ou Bidi, abren o acceso a unha APP que constitúe un paseo virtual por algúns dos elementos turísticos máis atractivos de Ponte Caldelas. Aos contidos tamén é posible acceder a través da Internet, pois creouse un apartado vinculado ao portal do Concello na ligazón www.pontecaldelas.org/bidi.
O alcalde, Andrés Díaz, e o arqueólogo Alberte Reboreda, responsable do proxecto, estrearon o servizo e comprobaron que ten gran volume de datos clasificados por apartados temáticos, incluíndo fotografías e localización xeográfica. Destacan os apartados dedicados á arquitectura indiana, ao río Verdugo, aos roteiros, ás igrexas, á Área Arqueolóxica de Tourón e tamén a algúns elementos tan singulares como o calvario de Barbudo.
O traballo, subliñou o alcalde, é unha auténtica guía turística de Ponte Caldelas pois as imaxes son de gran calidade e inclúense explicacións sinxelas sobre as características de cada un dos preto de 100 elementos visitables recompilados.
A mellora foi financiada no marco das subvencións da Deputación Provincial para a rehabilitación e sinalización turística do patrimonio histórico-cultural, dirixidas a concellos da provincia. Nesta convocatoria Ponte Caldelas logrou unha achega de 8.071,52 euros.