O goberno provincial destina fondos para que os concellos poidan prestar axudas básicas de emerxencia
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a primeira relación de axudas básicas de emerxencia para este ano 2018 por valor de 372.500 euros.
En total, benefícianse desta iniciativa 41 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que poderán prestar apoio económico aos veciños que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención ás persoas con menores ao seu cargo.
No marco destas achegas enmárcanse axudas que poden ser de diferentes tipoloxías, desde alimentación, ata vivenda, pagamento de recibos, de produtos de hixiene e limpeza, desprazamentos, lentes e audífonos ou de produtos farmacéuticos; adquisición de electrodomésticos básicos; gastos derivados de tratamentos de odontoloxía ou produtos de apoio ou destinadas á infancia.
O goberno provincial subliñou a importancia destas achegas pola súa contribución a garantir as necesidades básicas de familias en situación ou risco de exclusión social.
O ano pasado, as axudas básicas de emerxencia que destinou a Deputación de Pontevedra aos concellos deron cobertura ás necesidades básicas de 1.820 familias das que 1.573 tiñan menores ao seu cargo, 1.114 tiñan ambos proxenitores en situación de desemprego, 320 eran familias monoparentais, 43 eran usuarias do Servizo de educación e apoio familiar , 45 eran persoas usuarias do servizo de axuda no fogar e 9 eran vítimas de violencia machista.