Cuntis mellora a imaxe do casco antigo
Por Redacción
O Concello de Cuntis segue coa actuación de reparación do empedrado do casco antigo dentro dunha operación de mellora da imaxe das zonas de maior identidade do centro urbano. Estas obras están a facerse con fondos propios do goberno local.
Durante estes días levou a cabo un labor de limpeza e reposición de lousas na praza de Galicia e parte da Rúa da Igrexa. A partir deste mércores iniciaranse as obras na parte alta desa mesma rúa, que obrigará a pechar ao tráfico esta zona.
O goberno local informa de que se está redactando a avaliación de mellora da entrada do Castro e Camiño de San Xoán, dous espazos do centro histórico que precisan da autorización da dirección xeral de Patrimonio. O Concello de Cuntis enviará en breve os proxectos para que a Xunta permita os traballos.
Ademais estanse a acometer obras na rúa Pedro Campos e tamén está previsto substituír os valos na contorna dos semáforos na rúa Circunvalación.