Expertas alertan que o 23% das nenas e o 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual
Por Redacción
A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) alerta que un 23% das nenas e un 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual. Así o dixeron esta fin de semana no marco da xornada "Infancia e adolescencia. A cara oculta da violencia de xénero", que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Dos catro obradoiros simultáneos que, na tarde do sábado, abordaron a violencia de xénero exercida contra menores desde os ámbitos sanitario, educativo, xudicial e asociativo, extraéronse conclusións como a importancia de loitar contra a "vitimización secundaria" que se produce cando as vítimas non se ven protexidas polas institucións ou a necesidade da formación en igualdade e a incorporación da perspectiva de xénero en ámbitos como o educativo, o sanitario e o xudicial.
O Diario da Universidad de Vigo recolle que nas xornadas tamén se falou da importancia da exploración e observación para detectar se un neno ou nena é unha posible vítima, o que no ámbito escolar dá relevancia á "identificar nenos con actitudes violentas e nenas con actitudes de hipersexualidade", así como a necesidade de "datos estatísticos harmonizados" que permitan coñecer "a magnitude do problema".
Estrela Gómez, presidenta de Agamme, alertou da problemática da "violencia institucional", das "institucións que non protexen" e que "entran nunha espiral de probas" que conducen a esa "vitimización secundaria", o que a levou a pór de relevo a necesidade de"evitar protocolos excesivos, burocráticos", que poden levar a que non se denuncien as situacións vividas, ao tempo que alertou tamén da existencia de "ideas preconcibidas que inflúen na concepción da violencia".
Da man da experta en xénero e saúde Lola Ferreiro, o proxecto abordou tamén esta problemática desde a óptica sanitaria, onde se puxo o foco en como "as crianzas somatizan a violencia de xénero", polo que o seu cadro médico mellora "cando se separan do maltratador".
"É moi importante que desde a Educación Infantil se trate a diversidade afectivo sexual e eduque en igualdade e se aborde a educación afectiva e sexual", engadiu nas conclusións da xornada a titular do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo, Paz Filgueira, que achegou unha análise do pacto de estado contra a violencia de xénero e a súa falta de desenvolvemento.
Filgueira puxo tamén o acento na necesidade dunha formación en igualdade e sobre violencia de xénero, con especial atención á exercida sobre menores, pero tamén na importancia de contar con máis recursos humanos e materiais para combatela, aspectos que, tamén foron postos sobre a mesas nos diferentes talleres.