Detido un condutor bébedo e drogado que conducía de forma temeraria por rúas do centro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Policía Local de Pontevedra detivo na tarde deste luns un condutor ao que se detectou un resultado positivo nos test de alcol e drogas tras ser interceptado por unha patrulla na rúa Lepanto. O arresto é o colofón dunha persecución previa na que conduciu de forma temeraria e deu unha freada repentina que provocou que o vehículo policial que o perseguía impactase contra el.
Todo ocorreu sobre as 20.00 horas deste luns en pleno centro de Pontevedra. A escena chamou a atención a todos os condutores e peóns que circulaban por unha zona moi transitada da cidade a esa hora, pois os policías perseguiron ao condutor en cuestión utilizando sinais luminosos e acústicos e, a continuación, foi necesario cortar a rúa Lepanto para poder levantar atestado do ocorrido.
Segundo confirmaron fontes policiais, unha patrulla detectouno cunha conduta de condución temeraria e perseguíalle polo centro da cidade. A pesar de que lle facían luces e sinais acústicas para pedirlle que se detivese, fixo caso omiso ata que, un momento dado, en plena rúa Lepanto, tirou do freo de man.
O vehículo que conducía freou de forma repentina, de forma que o coche patrulla que o perseguía golpeouno por detrás. A continuación, o condutor foi sometido ás probas de consumo de alcol e drogas, nas que deu un resultado positivo en ambas as substancias. Finalmente, foi detido e trasladado a dependencias policiais nun coche patrulla.
Durante todo o tempo que durou a intervención tras a freada repentina, a rúa Lepanto permaneceu totalmente cortada ao tráfico.