As mulleres foron maioría entre os 3.325 asistentes das Noites Abertas
O 52% das participantes nas Noites Abertas 2018 foron mulleres. É a primeira vez que se dá esta situación, xa que ata agora os mozos eran maioría nesta programación alternativa de ocio para as fins de semana. Unha das posibles razóns e que desapareceron da convocatoria algunhas actividades que estaban máis estereotipadas e que se fixo unha aposta decidida pola igualdade.
A concellaría de Xuventude xa traballa na vindeira edición das Noites Abertas, rematadas o pasado 28 de abril e na que participaron 3.325 persoas de entre 12 e 30 anos.
O concelleiro Alberto Oubiña explicou este martes que todo o equipo de Noites Abertas xa está centrado na edición número 20 recollendo opinións tanto dos monitores como dos usuarios. Entre os primeiros obxectivos está reforzar a comisión de igualdade e potenciar o uso da lingua, ademais de mellorar a súa presenza de Noites Abertas nas redes sociais xa que é o principal medio de comunicación da xente moza. Tamén se estuda o formato do vindeiro ano, que incluso podería ter dúas edicións: unha en outono e outra en primavera.
Ao respecto da edición 19, que se celebrou entre o 23 de febreiro e o 28 de abril deste ano, Alberto Oubiña destacou que a maior parte das propostas realizadas (96) son de persoas novas e entre os participantes son maioría mozas, estudantes de entre 16 e 26 anos, se ben é moi importante o incremento de usuarios na franxa de idade entre os 12 e os 16 anos, o que supón que existe relevo xeracional no programa e que confirmará a súa supervivencia no tempo, ademais de indicar que se traballa na boa dirección.
Na terceira edición da comisión de igualdade das Noites Abertas fixéronse tres cursos: dous de igualdade de xénero e un de igualdade no deporte, nos que participaron 43 persoas das cales 26 foron homes. Cabe lembrar que esta formación é obrigatoria para poder impartir un curso ou obradoiro nas Noites Abertas.
Esta foi unha edición de Noites Abertas máis curta que a de anos anteriores. De feito, foron catro semanas menos, pero iso non reduciu nin a calidade, nin o número de actividades (de feito foron máis) nin o número de asistentes xa que a asistencia media foi de 184 persoas fronte as 159 de 2017. De manter o número de semanas, rexistraríase un incremento do 16%.
Relacionadas:
-
Noites Abertas busca propostas novidosas para celebrar o seu vinte aniversario
Por Redacción |
-
As "Boas Prácticas" teñen premio
Por Sara López Lago |
-
Noites Abertas oferta 29 actividades nesta primeira fin de semana de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Volve Noites Abertas con case un centenar de actividades
Por María López Verdial |