ENCE chama "populista" a Lores e asegura que a súa fábrica non contamina "en absoluto"
Por Redacción
A carta remitida polo alcalde de Pontevedra ao novo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na que lle pedía "colaboración política" para sacar a fábrica de Ence da ría, non gustou á dirección da compañía pasteira.
Ence asegura que a renovación da prórroga someteuse "escrupulosamente" aos prazos que establece a lei, polo que recomenda a Miguel Anxo Fernández Lores que, en lugar de pedir de forma "populista" que anule esta prórroga, debe esperar a resolución sobre os recursos presentados e respectar os prazos legais "como ten que facer calquera cidadán ou entidade".
O respecto á legalidade, sinalan desde a empresa, é "fundamental" nun estado de dereito "avanzado e moderno", polo que entenden que "non podemos caer nas actitudes dalgúns políticos nacionalistas de ignorar as normas establecidas e os procedementos que marca a nosa lexislación".
Con respecto ao comportamento ambiental da súa fábrica en Pontevedra, Ence afirma que é "excelente e intachable", xa que cumpre "rigorosamente" coa "esixente" normativa europea e española. A súa actividade, engaden, "non contamina nin prexudica en absoluto a calidade das augas da ría de Pontevedra".
A compañía está inmersa, recordan desde Ence, nun programa de melloras ambientais e de eficiencia enerxética que, entre outras cuestións, xa permitiu que se reduciran "radicalmente" a emisión de cheiros da fábrica, alcanzar unha calidade "óptima" no seu efluente e nas súas emisións ou que diminuirá "drasticamente" o seu consumo de auga.
Ence reitera que son as augas fecais de Pontevedra e a súa comarca "o que contamina a Ría" e sobre esta cuestión denuncian que o Concello de Pontevedra "non fixo nada para cambiar esa situación". Fronte a isto, destacan os 15 millóns de euros que destinarán para a ampliación da depuradora de Praceres "a pesar de non ser en absoluto causante do mesmo".
Por último, Ence recorda que, como calquera outra instalación industrial, está sometida a unha autorización ambiental integrada que emana da Unión Europea, norma que "respectamos rigorosamente", pero que entenden que "tamén debe ser respectada" por todos os representantes políticos.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento galego a anulación da prórroga de ENCE e a denegación da planta de biomasa
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello asegura que Ence pretende construír unha nova cheminea de 70 metros de altura
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE di que a utilización de gas natural como combustible de apoio en Lourizán minimizará as súas emisións
Por Oskar Viéitez |
-
Lores felicita a Pedro Sánchez e pídelle cumprir coa retirada de Ence da ría
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva di que o PP de Galicia pasou de ser a "procesión dos caladiños" a poñer deberes a Pedro Sánchez
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |
-
Marea Pontevedra pónlle "deberes" a Pedro Sánchez: Anular a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |