As novas tecnoloxías desembarcan no programa PonteVerán
Por Redacción
Varios cursos centrados nas novas tecnoloxías serán a principal novidade de PonteVerán, o programa de lecer alternativo para mozos e mozas de 16 a 35 anos que, un ano máis, porá en marcha o Concello de Pontevedra para os meses de xullo e agosto.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, destacou que esta iniciativa conta cunha oferta de actividades moi variada e baseada en valores de convivencia, igualdade, respecto ao ambiente, promoción da actividade física e de coñecemento do patrimonio cultural.
PonteVerán está definido, engadiu, por "calidade, cantidade e diversidade" e estará composto, entre outras actividades, por campamentos e estadías, actividades culturais, deportivas e no medio natural, actividades formativas ou actividades específicas no Local de Música.
Nesta edición, "atendendo á demanda que temos desde hai tempo" incorpóranse á oferta de PonteVerán varios obradoiros e cursos relacionados coas novas tecnoloxías, entre eles de robótica, holografía e VR. Ademais, chama a atención que o 31 de xullo Pontevedra se converterá nunha "terra de zombis"-
A maioría das actividades son gratuítas xa que as cuestións económicas "non deben ser razón para non participar", sinalou o edil nacionalista.
As solicitudes para participar nas actividades de PonteVerán poden facerse a partir do 11 de xuño en: apuntate.pontevedra.gal.