Día dos arquivos si, pero día dos arquiveiros tamén
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Con motivo da celebración do día internacional dos arquivos para conmemorar a salvagarda do Patrimonio Documental da Humanidade, os arquiveiros da Xunta de Galicia sumáronse a esta efeméride e tamén alzaron a súa voz para que a cidadanía saiba as condicións nas que prestan este servizo público.
En Pontevedra o Arquivo Histórico Provincial, un centro de titularidade estatal cuxa xestión está transferida desde 1989 á comunidade autónoma de Galicia, custodia preto de nove quilómetros de documentos de libre acceso.
Na escalitana principal da chamada Casa dos Fonseca, no Paseo de Colón, sede do Arquivo Histórico, os seus traballadores leron un manifesto no que sinalaban que os arquivos son imprescindibles para o exercicio da transparencia e da democracia.
Custodian os documentos que testemuñan os actos das institucións e das persoas, que non só achegan documentación senón que constitúen probas xurídicas e que se reflicten os dereitos e obrigacións da cidadanía. Teñen, tamén, unha dimensión cultural esencial porque custodian os documentos da historia.
En contraste con esta importantísima función social, os arquiveiros lamentan que a Xunta lles outorgue un trato salarial e laboral "discriminatorio" ao seu persoal técnico.
Segundo denunciaron en Galicia cobran ata un 20% menos que os seus compañeiros doutras autonomías. A isto súmase varias "condicións negativas" específicas deste colectivo como o feito de ser os únicos funcionarios coñecidos que traballan polas tardes sen retribución, soportar unha significativa amortización de prazas, estar " infravalorados" ou carecer de carreira administrativa, pois o 80% dos traballadores desta escala levan máis de 15 anos "na mesma praza sen expectativa de mellora".
A administración galega coñece estas reivindicacións pero son un colectivo pequeno "e ignóraas sistematicamente" alegando incapacidade orzamentaria para atendelas.