A Policía Local de Poio, integrada nun equipo pioneiro para actuar ante condutores multirreincidentes
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio integrados no Equipo de Investigación en Delincuencia Viaria (EIDEV) realizaron o primeiro informe criminolóxico a un condutor reincidente investigado por un delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e condución sen permiso, derivado dunha suspensión xudicial anterior.
O condutor foi detectado nun control preventivo e sometido ás probas de alcol por axentes da Policía Local de Poio e arroxou un resultado de 1,01 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Constataron que estaba considerado un condutor multirreincidente, xa que conta con máis de tres condenas por delitos contra a seguridade viaria.
Os axentes axustaron a condena ao perfil do condutor reincidente e o xulgado acordou suspender a pena de prisión ditada, condicionándoa a que o condenado non delinca durante cinco anos e ao cumprimento de tres medidas: someterse a un tratamento de deshabituación do alcol; realizar visitas á xefatura da Policía Local de Poio ao seu requirimento para someterse á proba de alcol en etilómetro evidencial; e participar nun programa de educación viaria.
O equipo de investigación creouse a proposta da Fiscalía de Seguridade Viaria para que aqueles axentes policiais que forman parte del e son titulados en Criminología poidan realizar informes criminológicos nas funcións específicas de Policía Xudicial de Tráfico.
O obxectivo é que, sempre que sexa posible, se poste por medidas educativas e rehabilitadoras en lugar da prisión. Trátase dun proxecto pioneiro a nivel autonómico, polo que a policía local de Poio remitiu co atestado un informe criminolóxico do investigado, e o maxistrado tivo en conta este informe na sentenza ditada. Desta forma, búscase fixar un mellor prognóstico na reincidencia dos delincuentes viarios que permita acordar as penas ou medidas que mellor se adapten ás circunstancias persoais de cada infractor buscando evitar que repitan esa conduta delituosa.
Atendendo ás características do infractor, e segundo a instrución 1/2017 da Fiscalía Superior de Galicia sobre o protocolo para seguir para a elaboración do informe criminolóxico, aplicouse o modelo denominado "triplo risco delituoso" que agrupa as fontes de risco en tres categorías: persoais, relativas ao apoio prosocial recibido e outras circunstancias relacionadas coas oportunidades delituosas como a posibilidade de dispoñer do vehículo, a frecuencia do seu uso e a necesidade do investigado para desprazarse desde o seu lugar de residencia ao seu posto de traballo ou ás zonas de lecer que frecuenta.
As persoais refírense a antecedentes penais e administrativos, idade, grao de formación intelectual e cultural, madurez psicolóxica, historial de consumo de alcol ou drogas, posibles trastorno da personalidade ou outras patoloxías que inflúan no delito; e as relativas ao apoio prosocial recibido céntranse na contorna social e familiar, actividades laborais, posibilidade de integración na sociedade.