Analizan a alta actividade incendiaria de San Xoán de Poio e Saiar, en Caldas
Por Redacción
A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia creou un grupo de traballo para o estudo e control da alta actividade incendiaria detectada nas parroquias de Saiar en Caldas de Reis e San Xoán de Poio, onde nos últimos cinco anos rexistráronse un total de 24 incendios en total.
Segundo deu a coñecer a Xunta, o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu este luns unha xuntanza de traballo para coñecer de primeira man os problemas que poida haber nestas zonas para definir as posibles causas deste actividade. O fin é poder actuar antes, durante e despois dos lumes.
Na xuntanza estiveron presentes o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco; membros do XIX Distrito Forestal, da Garda Civil e a Policía Autonómica; e representantes de ambos concellos e das comunidades de montes destas áreas.
Cores Tourís recordou que a loita contra os lumes é un problema de todos, polo que é preciso coñecer de primeira man as particularidades que poida haber na zona para definir as posibles causas desta situación.
A consellería está a desenvolver 15 reunións de este tipo por toda Galicia, nas que participan axentes públicos e privados do territorio nas 77 zonas consideradas actualmente como parroquias de alta actividade incendiaria. Ao respecto, Cores Tourís indicou que estas reunións de traballo pretenden poñer sobre a mesa as posibles causas dos incendios forestais nesas 77 parroquias rexistradas este ano no Pladiga.
"Temos que analizar se hai problemas para poder atallalos con diálogo e disuasión", indicou o delegado territorial, de aí que un dos obxectivos destas xuntanzas sexa mellorar os mecanismos e a coordinación en materia de prevención, extinción e investigación de lumes e reforzar a cooperación cos corpos policiais nestas tarefas.
Na provincia de Pontevedra hai 15 PAAI, situadas en 12 concellos. En total son 15 reunións nas catro provincias, concentrando en cada un deles a varios municipios afectados e que contan actualmente con algunha das parroquias consideradas actualmente como de alta actividade incendiaria, que teñen esta condición ben polo número reiterado de incendios ou pola súa virulencia.