Educación reformará os aseos do colexio Manuel Vidal Portela
Por Redacción
O colexio Manuel Vidal Portela afrontará este mesmo ano a renovación dos seus aseos, que actualmente non se atopan en condicións óptimas.
Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, na visita que realizou ao centro, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e os directores do colexio e da escola de adultos Río Lérez, coa que o CEIP comparte espazo.
Cores Tourís explicou que Educación é "consciente" do estado deficiente de algúns dos aseos deste centro, polo que a Xunta está a redactar un proxecto para que se poidan executar este mesmo ano as obras de mellora dos baños que o necesitan, cun orzamento previsto que roldará os 50.000 euros.
Tamén informou aos responsables educativos que este ano agárdase rematar coa tramitación da solicitude de información sobre a propiedade do edificio, "de cara a que poidamos poñer en marcha proximamente unha reforma máis profunda deste colexio".
A este respecto, agárdase que este mesmo ano chegue á Xefatura Territorial o informe de Costas que permita poñer en marcha ditas obras.
Neste centro investíronse máis de 145.000 euros destinados a distintas melloras, como reparación de dinteis e xambeados na fachada, reforma da aula de informática ou da iluminación, así como a instalación dunha placa que cubre o antigo escudo de época franquista a reforma de toda instalación eléctrica.