A Festa do Mexillón, gran novidade das festas patronais de Vilalonga
Por Redacción
Vilalonga contará este ano cun reforzado programa de actividades para celebrar as súas festas patronais. Un grupo de veciños asumiu a organización destes festexos que, nesta ocasión, terá como gran novidade a Festa do Mexillón, que se celebrará os días 7 e 8 de xullo.
Esta festa ocupará a Praza Pública de Vilalonga durante eses dous días co obxectivo de promocionar este produto gastronómico e, ao mesmo tempo, render unha homenaxe a todos os veciños que viven do mar e das bateas.
Ademais de mexillón, serviranse outros produtos galegos como polbo, empanada de millo, navallas, tortilla, pementos de padrón e churrasco. Toda a festa estará amenizada con música en vivo e inchables para nenos.
As festas de Vilalonga comezarán o 27 de xuño cun pregón que correrá a cargo da xornalista Carmen Abal e cunha gran verbena que estará amenizada polas orquestras Claxxon e Panorama. Ao día seguinte, a música porana Garibaldi e Palladium.
O venres 29 será o día da Festa de San Pedro e, xunto con alboradas e pasarrúas, haberá unha misa coa participación do Coro Parroquial de Vilalonga e unha procesión acompañada pola Banda de Música de Sanxenxo. As orquestras Aché e Foliada animarán a verbena.
O día dedicado a San Antón e San Roque, o sábado 30, tomará o relevo cunha misa e unha procesión acompañada do grupo folclórico Os Cruceiros. Gran Casino e De Noche serán as orquestras para pechar a xornada.
O 1 de xullo, a Festa do Sacramento, a procesión estará amenizada pola charanga Amigos a Colores e na verbena estará La Ocaband. E domingo 8, día dedicado a San Cristóbal, sairá a tradicional caravana de vehículos polos principais lugares da parroquia.
A outra gran cita das festas será o luns 16 de xullo coa Festa do Carme. Tras a procesión entre Rouxique e As Chachadas, coa imaxe da virxe, celebrarase a Romaría do Carme, acompañada do grupo folclórico Os Cruceiros. Haberá tamén unha gran festa campestre cunha sardiñada gratis, amenizada polos grupos Prisma e Punto Cero. O grupo Lembranzas será o que acompañe a procesión vespertina coa que se pechará a celebración.
A Festa do Neno, do domingo 22 de xullo, con inchables e tobogáns acuáticos instalados no campo de fútbol do Revel; e a Festa da Bicicleta, o domingo 5 de agosto, cun percorrido circular pola parroquia e xogos populares, porá o broche de ouro a estas festas.