Manaia traballará para mellorar os procesos do acollemento de menores
Por Oskar Viéitez
Manaia é a Asociación Galega de Axuda á Adopción e Acollemento. Esta iniciativa xurdiu co obxectivo de ser un punto de encontro próximo, de opinión, información e apoio para todas aquelas persoas que adoptaron ou estean emprendendo este camiño.
Dende esta asociación detectaron a necesidade de mellorar os procesos do acollemento de menores polo que decidiron dar un paso adiante. Se ben a adopción é coñecida pola cidadanía non o é tanto o acollemento familiar, unha alternativa de convivencia non institucional para aqueles nenos que non poden ou non deben vivir cos seus pais.
O acollemento familiar dun menor supón a plena integración do neno na vida da familia que o acolle, comprometéndose esta a coidalo e educalo como un máis dos seus.
Segundo a vinculación dos menores coas familias, o acollemento pode ser en familia extensa, cando se leva a cabo por algún dos membros da propia familia do menor protexido. Ou nunha familia allea, a segunda opción, cando non pode ou non é conveniente que a súa familia se faga cargo do menor.
Os últimos datos oficiais publicados sinalan que na provincia de Pontevedra hai 31 familias de acollida, un número insuficiente. As familias de acollida son persoas en diferente situación familiar (solteiras, casadas, con ou sen fillos...) que lles ofrecen o seu fogar e proporciónanlles os coidados, a seguridade e a educación que precisan.
O programa de familias acolledoras da Xunta de Galicia, que xestiona Cruz Vermella desde o ano 1995 como entidade colaboradora dos poderes públicos, desenvólvese co obxectivo de atender as necesidades destes nenos e nenas.
Manaia, como entidade colaboradora, busca persoas que se somen a este programa e tamén quere saber en que punto está o acollemento contando con todos os actores que traballan neste eido.
Ademáis quere axudar a poñer en valor esta medida incidindo especielmante na formación, tamén creando un grupo de apoio que acompañe en todo momento ás familias, poñendo en marcha un punto de información permanente e un teléfono de urxencia para resolver incidencias.
"DESAMPARADOS", DE MARÍA CUENCA
Por outra banda, dende Manaia informaron que o Teatro Principal de Pontevedra acollerá este sábado a proxección da película documental Desamparados, de María Cuenca. É un filme sobre a historia de dous rapaces que pasaron pola experiencia do desamparo no que se amosan as luces e as sombras dun sistema que condiciona de manera definitiva as súas vidas en moitas ocasións.
Á proxección da película asistirán os seus protagonistas, cos que haberá un faladoiro ao rematar o pase do documental.
Relacionadas:
-
Manaia convoca á cidadanía a reflexionar sobre adopción e acollemento
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Antón Mouriz, coordinador de Manaia: "En Chile teñen moi ben articuladas as adopcións"
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- "Hai que protexer á infancia para non necesitar protexerse da adolescencia"
Por Marisa Ciordia |
-
As "expectativas e realidades" da adopción, a debate no Pazo da Cultura
Por Diego Espiño |