Moraña constitúe a súa mesa local de coordinación contra a violencia de xénero
Por Redacción
O Concello de Moraña constituíu este mércores a mesa local de coordinación contra a violencia de xénero, na que participan diversos axentes implicados nesta loita como os representantes municipais, das forzas e corpos de seguridade do Estado ou do Centro de Información á Muller.
O obxectivo é prestar cada día servizos de atención de maior calidade, así como facilitar unha mellor accesibilidade aos recursos e prestacións ás mulleres vítimas da violencia de xénero.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a importancia de iniciativas como as mesas locais de coordinación, que permiten estender ao ámbito municipal o espírito de cooperación necesario para afrontar esta lacra.
Segundo destacou a secretaria xeral, é un deber dos poderes públicos acometer as medidas necesarias para avanzar na prevención e erradicación da violencia de xénero, a través da posta en marcha de actuacións en materia de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren.
Por iso, resaltou a importancia de coordinar e facer o máis accesibles posible todos os recursos e servizos dirixidos a estas mulleres.