A delegación da Xunta, desaloxada en apenas trece minutos tras un simulacro de incendio
Por Redacción
Un suposto incendio na primeira planta das súas dependencias administrativas de Campolongo foi o punto de partida do simulacro de evacuación que se realizou este mércores na delegación da Xunta en Pontevedra.
O goberno galego destaca que o operativo despregado logrou evacuar máis dun milleiro de persoas nun tempo real de trece minutos.
No simulacro participaron bombeiros, Policía Nacional, Autonómica e Local e membros do 112, manténdose tamén informado ao 061.
A xefa territorial de Presidencia, Marta Mariño, explicou que o incendio simulado comezou na primeira planta e os bombeiros acudiron de cara a illar o andar para que non se estendese ao resto do edificio.
Dentro do protocolo da emerxencia, un funcionario recreou un ataque de ansiedade, sendo atendido polo facultativo do edificio. O traballador puido saír polo seu propio pé, sen que se rexistrara algún incidente máis.
Tamén participaron no simulacro os nenos e responsables da escola infantil da delegación.
Este é o terceiro simulacro que se realiza neste edificio dende a súa apertura en 2009. O secretario territorial da delegación, Ramón Pereiro, destacou que o tempo de resposta sempre se sitúa no que marca a normativa.
O importante, engadiu, é que todos os traballadores da delegación, uns 650, aos que hai que sumar os 300 administrados que se atopaban en ese momento realizando xestións no interior, "saiban o que teñen que facer en caso dun sinistro real".