Un tribunal popular xulga este mes os acusados de matar a unha octoxenaria en Lérez nun roubo de 35 euros
Por Natalia Puga
Un tribunal popular xulgará este mesmo mes o brutal atraco rexistrado na madrugada do 29 ao 30 de xullo de 2016 na casa de Pilar Fernández Otero na parroquia de Lérez, no que a muller, de 87 anos, recibiu unha brutal malleira pola que faleceu semanas despois no Hospital Montecelo.
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial reservou tres días, entre o 25 e o 27 de xuño, para o xuízo, no que sentarán no banco José Manuel González Cruz e Constante Sánchez Penelas. Ambos están en prisión preventiva tras ser detidos pola Policía Nacional.
A fiscal do caso, Marta Durántez, pedirá ao xurado que os declare culpables dos delitos de asasinato, roubo en casa habitada e roubo de furto de uso de vehículo e ao tribunal que lles impoña un total de 28 anos, 11 meses e dous días días de prisión e, en concepto de responsabilidade civil, que indemnicen aos dous fillos da falecida con 25.000 euros cada un e ao Servizo Galego de Saúde con 35.352 euros pola asistencia da vítima.
Un dos acusados traballara na casa do falecido tempo antes, de modo que sabía que vivía soa. Segundo o fiscal, o 29 de xullo, aínda de día, acudiron á casa situada no lugar de Ramallás e roubáronlle xoias. Horas despois, xa de madrugada, volveron xa coa cara tapada e asaltárona.
Unha vez dentro da casa, segundo a fiscal, golpeárona reiteradamente, principalmente, en tórax e abdome e fixérono "sen importarlles acabar coa súa vida". Deixárona "malferida e abandonada á súa sorte" e marcharon. Fixéronse cun botín de tan só 35 euros.
A octoxenaria logrou usar o teléfono e chamar a un familiar, de modo que recibiu asistencia rapidamente e foi trasladada ao Hospital Montecelo, onde loitou por conservar a vida durante case mes e medio. O 10 de setembro seguinte faleceu, segundo os informes forenses, por shock hipovolémico- hermorrágico e colapso pulmonar.
Ademais do asasinato da octoxenaria e o roubo na súa casa, atribúenlle o roubo dun coche Opel Corsa que o seu propietario estacionara na rúa Alcalde García Filgueira e que subtraeron para acudir á casa de Ramallás. Nese vehículo tamén subtraeron unhas lentes de sol e un mando a distancia.
Relacionadas:
-
A fiscal rebaixa de 28 a 15 anos a petición de prisión para os autores confesos do crime da anciá de Lérez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O fillo da muller asasinada en Lérez sobre os dous acusados: "Non me creo o seu perdón e é imposible pola miña parte"
Por Redacción |
-
Admiten ter matado a unha anciá en Lérez á que lle roubaron 35 euros e bixutería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A prisión os asaltantes dunha anciá de Lérez, días despois de que esta falecese
Por Oskar Viéitez |
-
Dous encapuchados asaltan de madrugada unha casa de Lérez e deixan ferida grave unha muller de 80 anos
Por Natalia Puga |