Os estudantes marinenses destacan en robótica
Por Redacción
Os centros CEIP O Carballal, CEP O Sequelo e o instituto IES Mestre Landín de Marín finalizan un curso cheo de actividades centradas na robótica coa colaboración do concello de Marín.
Esta liña educativa apoiada pola administración coa dotación entregada aos centros de robots Mbot, busca desenvolver o razoamento abstracto a través de problemas concretos.
O abano de posibilidades que proporciona a robótica é inmenso, non tanto no guiado por control remoto, se non nas posibilidades que ofrecen como a automoción e a condución autónoma, sensores e a interconexión entre os diferentes elementos, pensamento lóxico-matemático, pero sobre todo, o uso práctico e cotián que se pode facer da robótica.
Neste proxecto a tres bandas implicouse a alumnado de primaria de ambos os colexios así como o de secundaria que exercen á súa vez como monitores dos primeiros.
Nesta ocasión os robots, placas arduino e sensores saíron da aula para visitar a Alameda de Marín. Nela realizouse unha breve competición na que os robots debían, por se sós, empuxar ao outro robot do recinto ou na segunda proba, completar o circuíto esquivando obstáculos no seu camiño.
Destacar os proxectos realizados polo alumnado do CEP do Sequelo que construíron unha vivenda domotizada, empregando os sensores de luz, ou movemento. Desta forma por exemplo detéctanse a entrada dunha persoa para activar de forma autómata a iluminación do recinto.
O balance que trasladan os coordinadores é moi positivo dada a atracción e motivación que levan ao alumnado. da experiencia deste ano é moi positivo e aos alumnos gustoulles moito. No fondo, a robótica expón retos aos alumnos que de maneira colaborativa teñen que resolver. Non se trata tanto de acumular contidos senón de ser capaces de resolver, de adaptarse, de solucionar, de traballar en equipo, valores fundamentais para a sociedade do presente.