Catalina González confirma o seu regreso: "Está decidido. Presentareime ás eleccións de 2019"
Riseira e cunha decisión tomada. Así se mostraba este xoves Catalina González. A ex alcaldesa de Sanxenxo esfollou a margarida. Presentarase ás eleccións municipais de 2019 á fronte dunha candidatura independente. "Estamos a preparar un proxecto moi bonito e ilusionante que á xente lle vai gustar", di nesta entrevista con PontevedraViva.
Recoñece que, persoalmente, "non era o mellor momento para volver" -rexenta desde hai tres anos un restaurante en Portonovo-, pero entende que "ten que ser agora". O seu principal obxectivo é que Sanxenxo "non perda o tirón" que, en materia turística, goza desde hai anos e que o actual goberno municipal "deixou de lado".
Empecemos de maneira directa. Veremos a Catalina González nas próximas eleccións?
Si, está decidido. Xa temos un bo equipo de xente traballando para iso.
Será cunha candidatura independente?
Totalmente independente. Estamos nun momento no que os pobos que teñen un valor importante como Sanxenxo, a nivel territorial ou económico, necesitan unha forza independente que defenda os intereses dos veciños. Ás veces hai moitas cousas que queres facer e non podes cando formas parte dun partido. Estás moi condicionado.
En que momento tomaches esta decisión?
É unha idea que sempre estivo a pulular pola cabeza. Coñezo a moita xente que, nos últimos anos, dicíame que non lles gustaba como se estaban facendo as cousas. Para min, persoalmente, non era o mellor momento para volver porque estou con moitas cousas en marcha, pero creo que ten que ser agora para non perder o tirón que tiñamos.
Hai un ano, falando de temas de turismo, decidinme. Sanxenxo desapareceu do mapa como marca propia. Os grandes esforzos que fixemos en plena crise tiráronse por terra. Está a perderse o norte. Sanxenxo vive do turismo. Non temos grandes empresa ou industrias alternativas. O turismo é o noso alicerce e deixouse de lado totalmente.
"Para min, persoalmente, non era o mellor momento para volver porque estou con moitas cousas en marcha, pero creo que ten que ser agora"
Que crees que pasou para iso?
Non podemos deixar de defender a nosa marca porque é do que vivimos e iso é o que se fixo estes anos, ao cargarse a empresa mixta que tanto traballo custounos crear ou ao ver como a persoa que nos ten que promocionar dedícase a ir a Rusia ou China a vender a mancomunidade. Temos moito que recuperar.
Non vexo intereses por recuperar nada. Deixouse de pertencer a redes importantes como Vilas Mariñeiras e abandonáronse os esforzos por publicitar o porto deportivo a nivel internacional, por traer grandes regatas e eventos ou por promocionar Sanxenxo en ámbitos importantes. Esta tendencia empezou hai tres anos e non cambiou nada.
Cónstame que, entre os teus grandes apoios, hai moita xente do sector turístico…
É que hai moito descontento no sector. Recuperar grandes proxectos está moi ben, pero deixouse de traballar da man con eles. Esta aposta polo turismo está totalmente abandonada e para min é importante que se recupere. Imos facer un proxecto moi bonito e ilusionante e á xente vaille gustar.
Acompañarache xente que xa estivo contigo no concello?
Haberá persoas de todos os núcleos e pensaremos só en Sanxenxo. Estará xente que xa estivo comigo, outros que non exerceron como políticos pero cos que xa colaboraramos e xente nova que vai sorprender e que ninguén se espera.
Vanessa Rodríguez estará entre estas persoas?
"Imos facer un proxecto moi bonito e ilusionante e á xente vaille gustar. Haberá persoas de todos os núcleos e pensaremos só en Sanxenxo"
Non falei con ela. Non a coñezo persoalmente. Non teño ningunha relación con ela nin forma parte do meu equipo. En ningún momento tivemos ningunha conversación.
Desde que se soubo, a través de PontevedraViva, que sopesabas liderar unha candidatura independente chamouche algún ex compañeiro do PP?
Non, ningún. Non teño relación con eles. Non sei cal é a razón. Si teño contacto cos que xa non están, pero con eles non. Supoño que están implicados noutra dinámica, noutro grupo e iso ás veces lévache a seguir cara a adiante sen ter en conta o que deixas de lado.
E nestes tres anos falaches con Telmo?
Moi pouco. Sempre me ofrecín a colaborar con el, pero nunca mo pediu. Non o vería necesario, supoño. Eu sigo sen entender o tipo de campaña que fixo, obviando os oito anos de goberno do meu equipo e iso que varios dos seus compañeiros estaban comigo. Non foi acertado. A moita xente do PP non nos gustou.
Citaches xa o turismo pero, que outros problemas aprecias no actual Sanxenxo?
É que o turismo é o noso eixo total de impacto. Non podemos descoidalo baixo ningún concepto e temos que coidar ás persoas que se dedican a iso. Case todos os empresarios son autónomos ou están á fronte de pequenas empresas que fan un gran esforzo para manter o noso nivel de calidade. Todos eles están desatendidos.
Haberá cousas que iremos desvelando despois do verán, pero adiántoche que outro dos grandes valores que ten Sanxenxo é o seu territorio. O beneficio que se xera ten que ser para os veciños de Sanxenxo. Había un proxecto de recuperación de núcleos que quedou aparcado e é importantísimo recuperalo canto antes.
Estarás tamén máis tranquila, imaxínome, despois de que a xustiza retirase todas as imputacións que, a nivel urbanístico, pesaban sobre ti…
"Sempre me ofrecín a colaborar con Telmo, pero nunca mo pediu. Non o vería necesario, supoño"
Moito máis tranquila. Eu tíñao claro. Non tiña ningunha dúbida de que obrara de maneira correcta. Pero foi todo moi duro. Agora, catro anos despois, véxoo todo con outra perspectiva. Pasaron moitas cousas dentro do meu propio partido que eu non entendín.
A que te refires?
Eu sempre fun leal ao meu partido, o PP. As cousas que non me gustaban díxenas á cara, nunca en público. Botei de menos que comigo se tivese a mesma actitude. Que me dixeran que querían que volvese Telmo, que fosen de fronte. Teríamos aforrado todos moitos desgustos.
Nunca houbo unha explicación clara de por que se apartaba a unha persoa que gobernaba con maioría absoluta. Só sei que a catro persoas que estaban detrás da formación de SAL, con Gonzalo Pita á fronte, non lles interesaba que eu fose candidata. Foi todo moi embarrado. Non foron capaces de darme unha razón.
Esperabas que SAL acabase por entregar o goberno ao PP?
O que non entendín foi o cuadripartito. Agora as cartas están encima da mesa. O natural é que pactasen desde o primeiro momento. SAL creouse desde diferentes ámbitos do propio PP aos que non lles interesaba que eu fose a candidata. Buscaban facer unha lista única e gobernar. Non tiña outra finalidade. Agora todos eles están de novo no PP.
Agora volverédesvos a ver as caras nunhas eleccións…
Así será. Nós estamos con toda a ilusión, facendo un novo equipo e deseñando un proxecto en condicións un pouco mellores que as que tiñamos hai anos. Eu, que me emociono sempre cos novos proxectos, creo que vai ser un momento moi interesante. Estaremos onde nos digan os veciños, gobernando ou na oposición, pero sempre defendendo unicamente os intereses do noso municipio.
Relacionadas:
-
Xuntos por Sanxenxo presenta a candidatura coa que debutará nas eleccións locais
Por Redacción |
-
Así é Xuntos por Sanxenxo, o partido da ex alcaldesa Catalina González
Por Oskar Viéitez |
-
Catalina González abandona o PP e liderará Xuntos por Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Catalina González sopesa regresar á política e encabezar unha candidatura independente
Por Alejandro Espiño |