Catalina González sopesa regresar á política e encabezar unha candidatura independente
Por Alejandro Espiño
Catalina González abre a porta a un posible regreso á primeira liña política. Pero non da man da súa antiga formación, o Partido Popular.
Fontes próximas á ex alcaldesa de Sanxenxo confirmaron a PontevedraViva que Catalina González estuda encabezar unha candidatura independente para presentarse ás próximas eleccións municipais, previstas para maio de 2019.
A este respecto, González mantivo xa unha serie de contactos informais con determinados sectores para avaliar as súas opcións de pugnar por unha Alcaldía que xa ostentou entre os anos 2006 e 2015.
"Hai moita xente que lle pide que volva e se presente", aseguran estas mesmas fontes, que expresan a preocupación que lle trasladaron á ex alcaldesa diferentes representantes sociais sobre as "oportunidades perdidas" por Sanxenxo para consolidar proxectos e iniciativas "que comezaran a dar os seus froitos".
A perda de peso de Sanxenxo en materia turística, que aprecian estes interlocutores, está entre as principais cuestións que levan a Catalina González a sopesar a súa volta á política, do mesmo xeito que o feito que o municipio pareza renunciar á aposta pola internacionalización do seu porto deportivo.
Esta decisión vén reforzada, ademais, polo feito de que a macroinvestigación xudicial que sacudiu no seu día o urbanismo en Sanxenxo e que provocou a imputación da ex alcaldesa, fora sobreseída e arquivada tras catro anos de dilixencias ao non apreciar delito algún nas súas actuacións. Así, descartouse calquera tipo de sospeita contra as persoas investigadas.
Catalina González converteuse, en decembro de 2006, na primeira alcaldesa que tivo o municipio de Sanxenxo. Substituíu no cargo a Telmo Martín cando este optou por liderar a candidatura do PP á Alcaldía de Pontevedra.
Meses despois, xa á fronte dos populares de Sanxenxo, logrou revalidar a maioría absoluta. En 2011 mantivo a Alcaldía co apoio do único concelleiro de VIPS, partido independente liderado por José Luis Rodríguez. Aínda que mostrou a súa disposición de optar a un terceiro mandato, o PP decidiu apostar, en maio de 2015, polo regreso de Telmo Martín a Sanxenxo.
Nunha entrevista concedida a PontevedraViva en xuño de 2015, unha semana antes de ceder a Alcaldía a Gonzalo Pita (SAL) á fronte dun cuadripartito, Catalina González recoñecía que lle tería gustado que "as formas fosen outras" cando o PP optou por substituíla á fronte da súa candidatura sen consultalo sequera cos militantes do partido.
Relacionadas:
-
Catalina González abandona o PP e liderará Xuntos por Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Catalina González confirma o seu regreso: "Está decidido. Presentareime ás eleccións"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Retiran a imputación por prevaricación contra a exalcaldesa de Sanxenxo, Catalina González
Por Redacción |
-
"Respecto que o partido optara por Telmo, pero teríame gustado moito que as formas foran outras"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |