Amigos de Galicia e Cuntis reeditan o convenio para axudar ás familias máis necesitadas
Por Redacción
A Fundación Amigos de Galicia e o Concello de Cuntis confirmaron a continuidade do convenio que manteñen actualmente para axudar ás persoas do municipio que se atopan en situación de necesidade económica e no que durante o ano 2017 atenderon a 129 persoas de 46 familias diferentes, entre elas, 45 menores.
O director e o presidente da fundación, Jesús Busto Peteiro e Miguel Villar, reuníronse este venres co alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, e técnicos do departamento de Traballo Social para abordar como será esta continuidade do convenio.
A axuda consiste na cobertura das necesidades básicas das familias mediante a repartición de alimentos, roupa, produtos de hixiene e limpeza. Préstanlle atención mensual a familias que, grazas á colaboración entre ambas as entidades, poden ver satisfeitas as súas necesidades máis elementais.
Amigos de Galicia incrementará as axudas no municipio durante este ano. Unha das novidades é que se fará cargo do pago dos medicamentos para familias que se atopan en situación de necesidade económica, aliviando desta forma este gasto a estas familias.
A fundación tamén se pon a disposición dos cidadáns para facerse cargo da compra de audífonos para aqueles menores de 12 anos que os necesiten e cuxas familias non poidan custealos.
No ano 2016, a Fundación Amigos de Galicia realizou unha actuación no municipio de Cuntis valorada en 74.715 euros, dos cales 28.286 foron fondos propios e 4.000 municipais. En 2017, a achega foi de 42.916,68 euros, 4.000 do concello e 9.611 de Amigos de Galicia.