Poñen no mercado as primeiras botellas certificadas co selo Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu este venres a un acto desenvolvido no Mosteiro de San Juan de Poio á creación da asociación de adegas Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo aos que felicitou pola comercialización das primeiras botellas certificadas baixo este novo selo de calidade.
Esta asociación está integrada pola adega Reboraina (Redondela), Areeiros (Vilaboa), Ardán (Marín) e Mercedarios San Juan de Poio (Poio).
A todas elas, Ángeles Vázquez felicitounas polo seu traballo, que empezou no ano 2013 coa posta en marcha da nova indicación e agora, unha vez aprobado o selo de calidade, por comercializar o viño baixo esta marca.
A titular de Medio Rural lembrou que a vendima do pasado outono foi a primeira colleita amparada por este selo regulador a nivel estatal e, por tanto, estanse xa vendendo as primeiras botellas da IXP Ribeiras do Morrazo. En xaneiro conseguiuse tamén o recoñecemento a nivel europeo, para todos os efectos.
A conselleira sinalou que, unha vez pechado este trámite, é hora de mirar cara o futuro e apostar pola "profesionalización, promoción do produto e a internacionalización do mesmo".
Para abordar este camiño ofreceu o apoio da Xunta. Neste sentido, Ángeles Vázquez animou aos viticultores para emprender proxectos de mobilidade de terras para loitar contra a fragmentación do territorio e deste xeito ser máis competitivos.
A superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Nesta zona hai 25.414 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo.
Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
Relacionadas:
-
A vendima deste ano destacará pola súa calidade manténdose a cantidade
Por Oskar Viéitez |
-
Aconsellan tomar precaucións para evitar picaduras de avespa velutina durante a vendima
Por Redacción |
-
Que hai nesta botella? Unha campaña para aumentar as adegas da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Deputación impulsa a profesionalización dos viticultores na IXP Ribeiras do Morrazo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Santa Cristina de Cobres celebra a Mostra de Viño de Vilaboa
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Catro adegas comercializarán viño da IXP Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |