Jupol, sindicato herdeiro de Jusapol, toma posicións na Comisaría de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Comisaría Provincial acolleu este venres a presentación oficial aos axentes da Policía Nacional de Pontevedra dun novo sindicato sectorial, Jupol, que nace ao abrigo da Asociación Xustiza Salarial Policial (Jusapol) creada nos últimos meses como ferramenta dos axentes da Policía Nacional e a Garda Civil para reivindicar a nivel estatal unha equiparación salaria real coas policías autonómicas.
Jupol creouse a nivel estatal o pasado abril e en dous meses xa suma 10.000 afiliados. Pontevedra non é allea a este movemento e o sindicato é xa o terceiro en número de socios, por detrás de UFP e SUP, segundo destacou este venres o secretario xeral a nivel estatal, José María García, durante a presentación oficial a un grupo de simpatizantes e militantes.
A cita non obtivo unha ampla participación dada a hora e día elixidos: ás 17.30 horas dun venres tarde de principio de vacacións e calor. A pesar de todo, si acudiron representantes da executiva provincial, cuxa secretaria é a axente da Comisaría de Pontevedra Miriam Pérez Nuñez.
O acto no salón de actos da Comisaría serviu para presentar aos asistentes e aos medios de comunicación as directrices que vai levar Jupol, un sindicato que viu necesaria a súa constitución porque, tras protagonizar multitudinarias mobilizacións en todo o territorio estatal, o goberno anterior do PP non lle considerou interlocutor válido á vista de que carecía de representación no Consello da Policía. Creouse Jupol na Policía Nacional e a asociación Jucil na Garda Civil para presentarse ás próximas eleccións e lograr esa representatividade.
Jupol rexeita o acordo que asinaron os sindicatos maioritarios co Ministerio do Interior en relación coas demandas de equiparación salarial e, segundo explicou José María García durante a súa estancia en Pontevedra, mantén esa equiparación como unha das súas demandas básicas. Será, pois "una herramienta de trabajo de Jusapol para llegar a esas mesas técnicas" e reivindicala.
Tras ese obxectivo principal, tamén teñen outras demandas e denuncian a falta de persoal e medios e discrepancias co funcionamento actual do corpo como as quendas de traballo e con "todas las carencias que vemos, que hoy por hoy son muchas en el Cuerpo Nacional de Policía".
Desde Jupol destacan que ningún dos seus integrantes está liberado como sindicalista e, a pesar de todo, están a facer o esforzo de percorrer todas as comisarías provinciais. Nos próximos meses, farán o propio coas comisarías locais e xa contan con executivas propias en 52 provincias e un gabinete xurídico que xa está a dar resposta ás demandas xurídicas de compañeiros denunciados en xulgado e en réxime disciplinario.
Relacionadas:
-
Un borrador da Dirección Xeral da Policía propón que Pontevedra reciba 20 novos axentes este ano
Por Natalia Puga |
-
Chega a Pontevedra Jucil, a nova asociación da Garda Civil en defensa da equiparación salarial real
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Integrantes de Jusapol concéntranse ante a sede do PSOE ao sentirse "traizoados" por Pedro Sánchez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Policías e gardas civís percorren as rúas de Sanxenxo para reclamar "a igual trabajo, igual sueldo"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Policías e gardas civís demandarán equiparación salarial nas rúas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Policías e gardas civís recollen firmas pola igualdade salarial con outros corpos
Por |
-
"Xa é hora de que a Policía Nacional e a Garda Civil deixemos de ser a policía low cost"
Por Natalia Puga |