Cravos, parafusos e perigosos restos do desmonte de Experimenta alfombran a Praza de Ourense
Por Ramiro Espiño
Arquitectura, arte, deseño urbano, diálogo e reflexión. Así foi presentado Experimenta Pontevedra, o Festival de Deseño Urbano que tivo como escenario prazas da cidade entre o xoves 21 e o domingo 24, pero á súa conclusión deixou tamén, ademais das opinións máis ou menos favorables de quen a presenciou, perigosos restos do desmonte dalgunha das obras.
En concreto a titulada "A Estrada das Peneiras", situada na Praza de Ourense, deixou dita praza durante toda a noite deste luns (e permanecía así na mañá deste martes), sementada de cravos, parafusos e outros elementos sen a máis mínima sinalización nin protección.
Esparexidos polo chan, nun espazo que adoitan transitar tanto persoas a pé como en bicicleta ou menores que teñen o lugar como escenario de xogos, ademais de animais domésticos, mascotas, sen ningún tipo de advertencia, os operarios realizaron o desmonte, pero non fixeron a oportuna limpeza de restos, nin sinalizaron o perigo que pode supoñer a súa presenza no pavimento.
Incluso parte do material que compoñía o conxunto, aparecía depositado sobre o cesped dos xardíns, afectando ao mesmo e presentando arestas cortantes cun evidente perigo.