A Garda Civil investiga dous mozos de Vilaboa por un furto de gasoil
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente a dous veciños de Vilaboa por un delito de furto de gasoil que supostamente subtraeran nunha empresa de transportes do mesmo municipio.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a madrugada do luns no barrio da Ramalleira, do municipio de Vilaboa, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto de Moaña sorprende a dous mozos que se ocultaban ao decatarse da presenza do vehículo oficial.
Ao inspeccionar a zona detectaron un vehículo estacionado nas inmediacións que desprendía un forte cheiro a carburante e no maleteiro cinco garrafas de plástico con 90 litros de gasoil. Xusto nunha empresa de transportes próxima ao lugar había tres camións, dos que supostamente subtraeran o carburante, sen os tapóns dos seus respectivos depósitos.
As actuacións concluíron coa identificación do condutor do vehículo e do seu acompañante, que recoñeceron ser os autores da subtracción, polos que aos dous notificóuselles a súa investigación penal como supostos autores dun delito de furto.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cangas, onde deberán comparecer cando sexan citados.