Bueu defende a diversidade afectivo-sexual cunhas xornadas multiculturais
Por Redacción
Presentacións literarias, coloquios ou cine son algunhas das propostas que o Concello de Bueu incluíu na programación das primeiras xornadas pola diversidade afectivo-sexual que se celebrarán no municipio os días 28, 29 e 30 de xuño.
O programa busca "crear conciencia do dereito de cada persoa a ser quen é", segundo salientou a concelleira de Mocidade e Infancia, Inmaculada Rodríguez, achegando á cidadanía coñecementos mínimos sobre a diversidade sexual e o dereito a expresala.
O Concello aposta por estas xornadas que terán un carácter eminentemente divulgativo pois "é preciso que como cidadanía teñamos formación na loita LGTBI e o papel das institucións é defender a diversidade como unha riqueza humana máis", asegurou a concelleira nacionalista.
Os actos oficiais arrancan este xoves 28 de xuño ás 20.30 horas coa colocación da bandeira multicolor no balcón da Casa Consistorial, seguido dunha sesión de cine con curtametraxes que tratan o tema da diversidade e que foron seleccionadas pola Asociación FICBUEU.
Así, a partir das 21.00 horas poderanse ver no Centro Social do Mar: Change in the weather (2015), dirixida por Muiris Crowley, De vuelta (2015), de Gabriel Dorado, En la azotea (2015), de Damiá Serra, e Fumando Espero (2017) de J.A. Blanco.
O venres, a Sala Domínguez Búa acollerá ás 19.30 horas unha charla sobre a Diversidade sexual: dereitos e adversidades, coas intervencións de Inés del Río, membro de Médicos do Mundo Galicia que falará sobre a diversidade de xénero na infancia e na adolescencia; Adriana Echeverría, de Amnistía Internacional, que presentará a loita polos dereitos LGTB no mundo; e Diego Quintela Sesar, de Avante LGTB, que abordará a situación en Galicia.
O sábado os actos trasladaranse á Praza Massó, onde está programado un coloquio literario con Eva Mejuto arredor do seu libro 22 segundos (Xerais) no que relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.
Seguidamente, e como broche final, inaugurarase o Espazo pola diversidade afectivo-sexual, composto por xogos, con deseño de Ana Seoane, que emulan os de mesa e que buscan lograr a concienciación a favor dos dereitos das persoas do colectivo.