Industria acepta a reclamación de Cuntis polo apagón de marzo
Por Redacción
A consellería de Industria estimou a reclamación presentada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, polo corte de subministración eléctrica do pasado día 15 de marzo.
Aquel apagón afectou o centro urbano e as parroquias de Arcos de Furcos, Portela, Couselo e Cuntis.
O escrito de reclamación tamén propoñía a realización de melloras na rede no lugar de Calvos. Concretamente coa instalación dun centro de seccionamiento telecontrolado coas funcións de manobra de entrada de liña de Unión Fenosa (UFD) manobra da derivación á mercantil Electra Cuntiense e manobra de saída de liña UFD, achegando Electra o correspondente terreo para o seu uso por Unión Fenosa.
A resolución do expediente indica que as consecuencias do incumprimento da calidade do servizo poden carrexar descontos na facturación e indemnizacións, ademais de que os afectados poderían reclamar por vía civil.