Fronte á baixa do Estado, a provincia de Pontevedra incrementa a súa rendibilidade no sector turístico
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou este venres en rolda de prensa que a provincia incrementa a súa rendibilidade no sector turístico fronte á baixa do Estado.
Carmela Silva resaltou algúns dos datos incluídos no barómetro de Exceltur da rendibilidade e o emprego dos destinos turísticos españois.
Mentres que "no Estado detéctase unha ralentización no primeiro cuadrimestre en canto á rendibilidade económica das actividades turísticas, hai zonas do Estado, entre as que destaca a provincia de Pontevedra, nas que hai un maior crecemento".
Deste xeito, a provincia encádrase como un destino de interior, de perfil cultural, que aumenta un 11,9% en canto ao ingreso medio por habitación dispoñible -o noveno lugar do Estado neste índice- e un 7,7% en emprego.
"O aumento da rendibilidade turística na provincia vén ligado ao turismo do interior, un dos grandes cambios que fixemos desde a nosa chegada e que está dando resultados, e tamén ligado á notable afluencia de turismo estranxeiro con fortes melloras da nosa conectividade aérea", resaltou Carmela Silva, que incidiu en que "levamos tempo dicíndolle á Xunta que se aposta polo aeroporto de Vigo terá consecuencias moi positivas para Galicia".