A praza de Barcelos e a súa contorna pasan á iluminación LED
Por Redacción
Este luns 2 de xullo está previsto o inicio dos traballos para o cambio de farois e luminarias do alumbrado público da praza de Barcelos e da súa contorna. Afectará, en concreto, ás rúas Rouco, Fernando Olmedo e Padre Gaite.
A empresa Setga será a encargada da actuación, que supón a instalación de luminarias LED e un investimento de 59.843,49 euros por parte do Concello de Pontevedra.
O obxectivo municipal é seguir estendendo os estándares de calidade lumínica a todas as rúas da cidade, xa que aínda quedan espazos pendentes de instalar luminarias leds. Nesta actuación substituiranse 68 luminarias de 275 W por outras tantas led de 90 W.
Na praza de Barcelos está previsto substituír os farois situados ao carón do muro de peche do mosteiro de Santa Clara, para instalar unhas farolas similiares ás da avenida de Bos Aires. No resto da praza cámbianse os brazos actuais de fachada por outros de inox. Tanto nos novos farois como no resto da praza, instalarase tecnoloxía led.
Na rúa Rouco está previsto substituír os brazos de fachada por outros de inox e colocar leds. Nas rúas Perfecto Feijoo e Pai Fernando Olmedo está proxectado cambiar as luminarias. No caso de Perfecto Feijoo completará a intervención programada co proxecto de reforma da rúa Cruz Vermella; e en Pai Fernando Olmedo farase ata entroncar coa rúa da Seca, onde se está a realizar unha reforma que contempla traballos de reordenación do tráfico no cruzamento con Casimiro Gómez.
Con este proxecto, tamén se acondicionan as liñas, soportes e reparación dos cadros eléctricos, seguindo a normativa vixente.
De cara a finais de xullo, o Concello tamén ten previsto levar led á rúa Palamios (dende a avenida Raíña Vitoria ata a rúa dos Peiraos, incluída), así como substituír as situadas diante da praza da Audiencia. Ao mesmo tempo, segue a traballar en dotar desta nova tecnoloxía a todas as parroquias do rural. Xa está practicamente rematada a substitución de todas as luminarias de Ponte Sampaio e A Canicouva, e en breve comezarase en Bora.
Relacionadas:
-
Obras para mellorar a accesibilidade en Barcelos a partir do luns
Por Redacción |
-
Bora cambia ao LED cunha renovación de toda a súa iluminación pública
Por Alejandro Espiño |
-
Cambio de luminarias en Pedre, Figueroa e Tomonde
Por Redacción |
-
A tecnoloxía led chega a Conde Bugallal con 71 novas luminarias
Por Redacción |