Aparece flotando no río Umia o cadáver dunha residente do asilo de Caldas de 78 anos
Por Natalia Puga
Unha muller de 78 anos residente do asilo de Caldas de Reis apareceu este mércores flotando no río Umia a tan só uns metros da residencia de anciáns, na zona da Carballeira.
Un grupo de mozos que estaba nesa zona de esparexemento do municipio viu o cadáver flotando e alertou aos servizos de emerxencias. Inmediatamente trasladáronse ao lugar efectivos da Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil de Caldas.
Un voluntario de Protección Civil que non estaba de garda e axentes da Policía Local sacaron o corpo da auga e tentaron reanimar á muller, pero sen éxito, pois xa falecera. Ata o lugar trasladáronse tamén efectivos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia, que confirmaron o falecemento.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, o cadáver foi localizado uns minutos antes das 12.30 horas. Fontes da Garda Civil indicaron que non se sabía nada desta muller desde as 10.00 horas deste mércores.
Segundo estas mesmas fontes, trátase dunha residente do asilo e tiña mobilidade reducida.
Todo apunta a que se trata dun falecemento por morte natural ou accidental, sen apreciarse signos de violencia.