Case 350 persoas con discapacidade participarán das vacacións de verán Special Olympics Galicia
Por Redacción
Este venres presentábanse as Vacacións de Verán Special Olympics Galicia, que se desenvolverán ao longo dos próximos meses con base na Residencia de Estudantes de Afundación, situada na Avenida de Vigo, en Pontevedra.
Eladio Fernández, presidente da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA), explicaba que se trata dunha nova edición dunhas actividades que cada vez contan cun maior orzamento e con máis implicación institucional, empresarial e de usuarios.
Na presentación tamén se atopaban Carmen González, vicepresidenta de FADEMGA Plena Inclusión Galicia; José Ignacio Martínez, xefe do Servizo de Dependencia da Consellería de Política Social; o presidente de Afundación Miguel Ángel Escotet Consolo Bicada, deputada de deportes e un grupo de participantes nestas actividades.
Ao longo de xullo e agosto en varias quendas dun período de 8 días, os usuarios de 16 colectivos de persoas con discapacidade participarán nesta iniciativa que lles permitirá pasar un tempo de descanso formando parte de propostas deportivas, culturais e de lecer.
Segundo Eladio Fernández, as praias, as terrazas e as festas conforman unha das principais demandas dos usuarios. 200 monitores serán os encargados de atender a estas persoas durante estas vacacións Special Olympics 2018, que ademais de en Pontevedra, desenvolveranse tamén en Arcade, O Barco e Santiago de Compostela.