O incendio dunha moto nun rocho da rúa Bélxica provoca a alarma en Monte Porreiro
Por Redacción
O incendio dunha motocicleta nun rocho da rúa Bélxica na urbanización de Monte Porreiro provocaba un susto entre a veciñanza do edificio.
O suceso rexistrábase ao redor das 18.30 horas deste venres, segundo informaba a Policía Local de Pontevedra.
As causas polas que se iniciou o incendio do vehículo aínda están por investigar. Ata o lugar desprazáronse dous camións do parque de Bombeiros de Pontevedra, ademais de axentes da Policía Local.
O lume foi controlado nun breve prazo de tempo. A continuación, os bombeiros procedían a airear a zona, que quedou afectada polo fume. Non se rexistraron danos persoais.