Abanos de cores para dar visibilidade á recuperación das enfermidades mentais
Por Redacción
A campaña de verán 'Date un aire solidario', posta en marcha polo Hospital de Día de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra, levou aos pacientes desta unidade a confeccionar centos de coloridos abanos que agora están á venda a cambio dun donativo dun euro.
A iniciativa é a continuación dunha xa realizada durante o inverno, 'Psiquiatría con corazón', desenvolvida o pasado Nadal e na que pacientes e profesionais confeccionaron bolígrafos con anxos. Agora, repiten experiencia adaptando as manualidades á época estival.
Esta iniciativa pretende dar visibilidade ao feito de que a recuperación da saúde dos pacientes da área de Psiquiatría non só debe facerse a través dos coñecementos e a práctica dos profesionais sanitarios, senón que o corazón tamén xoga un papel fundamental.
Na actualidade, o equipo de persoal do Hospital de Día Psiquiátrico está integrado por un psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha enfermeira especialista en saúde mental, unha auxiliar psiquiátrica e unha terapeuta ocupacional. Dispón de 20 prazas para estancia completa e 40 máis para tratamentos ambulatorios.
O traballo que desenvolve o persoal nesta área está centrado naqueles pacientes psiquiátricos nos que a súa doenza non se manifesta de maneira aguda, pero si padecen síntomas graves que lles impiden retomar o seu contorno familiar, social e laboral. É por iso que o principal cometido dos profesionais está enfocado cara á rehabilitación destes doentes: mellorar en todo o posible a súa calidade de vida, axudando a restituír as súas capacidades mentais e físicas, e dotalos de novas ferramentas para construír un futuro de vida.
O principal obxectivo é posibilitar a recuperación daquelas capacidades, tanto cognitivas como sociais e culturais, que os pacientes posuían antes da súa afección, así como o tratamento do impacto que o estigma destas enfermidades produce nos doentes.