Usuarios e profesionais do Hospital de Día Psiquiátrico elaboran accesorios para máscaras como agasallo de Nadal
Por Redacción
Un total de cinco profesionais e vinte usuarios do Hospital de Día Psiquiátrico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra presentaron a quinta edición da súa campaña de Nadal baixo o lema 'Psiquiatría con corazón', na que nesta ocasión elaboraron artesanalmente centos de gardamáscaras solidarios e salvaorellas para cinxir as gomas das máscaras á cabeza.
Elaborados con tecido téxtil lavable, transpirable, hixienizable, hidrófugo e resistente, os gardamáscaras solidarios e os salvaorellas xorden froito do traballo presencial diario entre os pacientes e o equipo asistencial, que adquiriu unha máquina de coser e diverso material para acometer unha iniciativa que comezou a xestarse durante os meses de confinamento tras debaterse varias propostas.
Con esta actividade quérese dar visibilidade ao feito de que a recuperación dos doentes da área de Psiquiatría non só debe facerse a través dos tratamentos médicos, senón que a dedicación e a entrega en cada caso tamén xoga un papel fundamental para avanzar en saúde, ademais da importancia do traballo en equipo e cun obxectivo.
Segundo informan desde o Hospital Provincial, a iniciativa está a ter moi boa acollida. Polo de agora, xa se distribuíron decenas de gardamáscaras e salvaorellas, polo que tanto o persoal de Psiquiatría coma os propios pacientes están moi agradecidos pola implicación da sociedade coa súa causa.
Estes obxectos solidarios de 'Psiquiatría con corazón' poden adquirirse no Hospital de Día Psiquiátrico do Hospital Provincial ou chamando ao teléfono 608 032 175, realizando a achega solidaria dun euro.
ACTIVIDADE DO HOSPITAL DE DÍA PSIQUIÁTRICO
O equipo do Hospital de Día Psiquiátrico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está integrado por un psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha enfermeira especialista en saúde mental, unha auxiliar psiquiátrica e unha terapeuta ocupacional. Dispón de 20 prazas para estadías completas e 40 máis para tratamentos ambulatorios que se levan a cabo no Hospital Provincial de Pontevedra.
O traballo que desenvolve o persoal nesta área está centrado naqueles pacientes psiquiátricos nos que a súa doenza non se manifesta de xeito agudo, pero si padecen síntomas graves que lles impiden retomar con normalidade as actividades habituais na súa contorna familiar, social e laboral.
Por este motivo, o principal cometido dos profesionais do Hospital de Día Psiquiátrico pontevedrés está enfocado cara á rehabilitación destes doentes e poder mellorar en todo o posible a súa calidade de vida, axudando a restituír as súas capacidades mentais e físicas e dotándolles á súa vez de novas ferramentas para construír un futuro de vida.
Relacionadas:
-
Abanos de cores para dar visibilidade á recuperación das enfermidades mentais
Por Redacción |
-
Pacientes do Provincial deseñan bolígrafos no marco da campaña de Nadal "psiquiatría con corazón"
Por Redacción |
-
Chaveiros para visibilizar a evolución dos pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico do Provincial
Por Redacción |