Rubén González volverá representar a Pontevedra no certame De Tapas por Galicia
Por Redacción
O gañador de PontedeTapas, o chef pontevedrés Rubén González (El Cafetín), volverá representar a Pontevedra no certame De Tapas por Galicia, que xunta nunha mesma gala aos gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.
Rubén González, gañador hai dous anos deste concurso organizado por Turismo de Galicia, competirá de novo polo premio nunha gala que se celebrará o 17 de xullo no hotel AC Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela.
Presentará o petisco gañador en Pontevedra, a vieira afumada con carballo e loureiro sobre arroz de algas, unha aposta polo produto galego elaborado con aires asiáticos.
Con máis detalle, o prato do cociñeiro pontevedrés é unha vieira mariñada en auga de mar que descansa sobre un taco de arroz glutinoso con algas wakame, kombu e espirulina, contrastado cuns puntos de emulsión de ourizo, cristais de soia e ovas de wasabi.
O conxunto, que se acompaña dun crocante de arroz, preséntase tapado e afumado con madeira de carballo e loureiro.
De Tapas por Galicia é un certame que busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal.
Ao remate da gala entregaranse dous premios, un deles outorgado por un xurado de profesionais da gastronomía e a restauración e outro concedido por unha selección do público asistente.
No evento, Rubén González competirá con Alejandro Martínez, do Café Vanessa (Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón, do restaurante Eclectic (A Coruña); Álvaro Pérez Blanco, do gastrobar ArteSana (Santiago); Rafael Pérez Iglesias, do gastrobar-restaurante La Carpintería (Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso, do restaurante A Adega das Caldas (Ourense); e Alejandro Méndez Lázare, da Arrocería Os Cachivaches (Lugo).