Pequeno incendio forestal en Corbillón
Por Redacción
A media tarde deste mércores iniciábase un incendio forestal na parroquia de Corbillón, no municipio de Cambados. O lume afectou a unha superficie de ao redor de 5.000 metros cadrados, segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias.
Ata o lugar onde se orixinaba o incendio asistiron dúas dotacións do Servizo de Emerxencias de Protección Civil, axentes da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica e dous equipos de exintición de incendios cun camión motobomba e un axente forestal.
As altas temperaturas e o vento do norte que se iniciou durante as últimas horas nas Rías Baixas resulta propicio para que o lume dos incendios forestais se poida espallar. Neste caso, os operarios conseguiron evitar a propagación. A Xunta de Galicia destinou 192 millóns de euros do orzamento deste 2018 á prevención e extinción de incendios.