Abre a oficina para asesorar os veciños do rural contra o "catastrazo"
Por Redacción
A partir do próximo martes 17 de xullo estará aberta a oficina que impulsa o Concello de Pontevedra para axudar os veciños do rural a alegar contra o "catastrazo" que se aveciña para todos aqueles que teñan construcións auxiliares como galpóns, cortellos, piscinas ou palleiros e que, ata o de agora, estaban exentas de tributación.
Esta oficina estará no Pazo da Cultura e atenderá os luns, martes e venres de xeito totalmente gratuíto. Para poder ser atendido, os interesados deberán solicitar cita previa no correo electrónico ibipontevedra@laya.es ou ben chamando ao teléfono 986 23 73 57.
O horario de apertura da oficina será de 08.30 a 14.00 horas, pero só se dará cita ata as 13.00 horas para poder atender as persoas de última hora.
Dende o Concello piden os interesados que, primeiro, soliciten toda a información no Catastro, e se consideran oportuno alegar, entón poden dirixirse a esta oficina municipal para solicitar asesoramento e axudar a presentar as alegacións á liquidación que lles presente Catastro.
A Dirección Xeral do Catastro cobra unha taxa de 60 euros pola revisión de cada unha das parcelas rurais, ao que haberá que engadir a contía correspondente a dar de alta esas propiedades auxiliares no padrón do IBI, nalgúns casos, incluso, con recargo ao aplicar a revisión retroactivamente.
O Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, iniciou esta revisión no rural de Galicia hai cinco anos, a raíz de modificar a lexislación e incluír no padrón todas as construcións auxiliares do rural, agás os hórreos.
O Concello de Pontevedra recorda que sempre estivo en contra desta revisión impulsada dende o Estado, porque supón ir contra a estrutura tradicional do rural galego.
Relacionadas:
-
82 veciños alegaron contra o "catastrazo" rural tras pasar pola oficina de atención do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
O servizo ORAL recadou en tributos máis de 122 millóns de euros no 2017 para 54 concellos da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello axudará os cidadáns a alegar contra o "catastrazo" dos galpóns
Por Alejandro Espiño |
-
Hórreos, galpóns, cortellos ou palleiras, tamén tributan na "contribución"
Por Redacción |