Verducido reclama revisar o convenio co Concello para o parque forestal
Por Redacción
A comunidade de montes de Verducido non está moi contenta co convenio asinado no seu día co Concello de Pontevedra para o mantemento do parque forestal. Por iso é polo que os comuneiros da parroquia soliciten ao goberno municipal a revisión deste pacto.
Ademais, trasladan que tamén queren analizar cos responsables municipais a situación da licenza do pavillón, a instalación de recollidas de auga sen autorización no monte comunal e o arranxo do palco.
Os comuneiros explican que o Concello segue sen cumprir o seu compromiso de limpar o parque forestal, algo que fixeron eles ante a celebración dos recentes campionatos de piragüismo no Pontillón.
Así, enviaron unha cuadrilla para arrombar o parque, o acceso ás pistas de piragüismo e ao aparcadoiro, que estaban invadidas pola maleza.
A iso súmase as actuacións que, sen axuda municipal, levaron a cabo xunto á asociación de veciños Outeiro do Castro e a Cultural de Verducido para dotar de biblioteca ao local social ou executar tarefas de limpeza de fontes e lavadoiros no Outeiriño.
Ademais, as asociacións de Verducido mantiveron unha reunión coa Federación Galega de Piragüismo e o club de piragüismo de Verducido para buscar a fórmula para fomentar o uso das instalacións e a práctica do deporte na contorna do encoro.