Destinos galegos para gozar todo o ano
Por Redacción
Galicia azul e Galicia verde. Dúas realidades que veñen consolidarse como oferta turística destacada a través de rutas e destinos inesquecibles. A Comunidade galega aposta polo turismo de calidade, diferenciado e tranquilo, tanto para visitantes de fóra como para poñer en valor o noso entre os galegos.
O Camiño de Santiago segue a ser o gran referente de Galicia no mundo. Unha ruta histórica que é quen de mover máis 300.000 peregrinos nos seus nove itinerarios por terra.
Máis aló da Ruta Xacobea, atractivos non lle faltan a Galicia, así como orixinais experiencias turísticas para gozar dos recursos galegos tanto de costa como de interior, dun xeito sustentable e respectuoso co medio.
Ás iniciativas consolidadas nos últimos anos -os dez produtos cabeceira de marca Galicia como as Rutas da Camelia e da Lamprea, os Santuarios Máxicos ou os Mananciais de Galicia, entre outros- súmase este ano unha completa oferta que percorre as catro provincias. Novas experiencias deseñadas desde Turismo de Galicia que apostan por un turismo diferenciado e de calidade, propicio para gozar del os 365 días do ano, repleto de imaxinación e con propostas para coñecer o destino sen présas.
É o caso de Galicia Surfing, a experiencia turística que identifica un centenar de praias galegas aptas para facer surf e que inclúe diferentes propostas de viaxe para coñecer os recursos asociados a este deporte e dispoñibles tamén a través dunha app con todos os contidos.
Galicia Surfing pon en valor o enorme potencial dos máis de 1.500 quilómetros de costa en Galicia, algo que comparte coa marca turística o Club da Auga, que incide ademais nos recursos fluviais galegos e une o turismo mariñeiro, o termalismo, a náutica, o Camiño de Santiago e a estancia en lugares con encanto como a rede de Paradores. Tamén a posibilidade de percorrer a costa galega de faro en faro, compartindo momentos cos profesionais do mar, grazas á Ruta dos Faros.
Ademais permite afondar no interior galego ás beiras do río Miño grazas á Ruta do Miño de Parador en Parador, que combina esta experiencia con estancias en seis dos establecementos hoteleiros que Paradores ten en tres provincias galegas: os de Baiona, Monforte de Lemos, Ribadeo, Santo Estevo, Tui ou Vilalba.
Baixo a marca Club da Auga tamén se ofrece a posibilidade de viaxar en barco de vela seguindo a travesía que rememora rutas históricas de peregrinación por mar e tamén inclúe propostas para relaxarse nos balnearios galegos, que suman máis de 3.000 prazas hoteleiras.
E se a preferencia é coñecer Galicia por estrada, Escenarios ao volante é a opción perfecta. Foi un dos produtos máis destacados durante a última edición da Feira Internacional de Turismo Fitur e configúrase como toda unha antoloxía das 25 mellores rutas en coche polo territorio galego. Son máis de 900 quilómetros que atravesan máis de 100 concellos. Rías, acantilados, cabos, bosques, montañas ou espazos naturais de singular beleza como O Courel, Os Ancares, O Macizo Central ourensán ou Pena Trevinca inclúense nos itinerarios propostos. Para coñecer todos os contidos está dispoñible unha guía en galego, castelán e inglés, que conta cun mapa adicional para que cada viaxeiro poida descubrir as súas propias rutas.
Asimesmo, os seis parques naturais galegos ofrecen no seu conxunto preto de vinte experiencias de turismo sustentable con actividades como sendeirismo, ciclismo, equitación, saídas en barco, kayak, paddle surf, paddleboard, visitas a aldeas ou a adegas, entre outras, e que se poden gozar no monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán; as Fragas do Eume, o Invernadeiro, e Serra da Enciña da Lastra.
A todas estas experiencias súmanse, ademais, as novidades de produtos exitosos como os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia, para os que están previstas máis de 200 saídas este ano ou os Trens Turísticos de Galicia, que suman dous novos itinerarios, a Ruta dos Mosteiros e a Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Miño. En total son 12 rutas temáticas que percorren as catro provincias ata outono durante as fins de semana. Ademais, por vez primeira, hai tamén teatralizacións nalgúns dos itinerarios.
Estas experiencias, das que está dispoñible completa información en www.turismo.gal, inciden na aposta de Galicia por un turismo tranquilo e de calidade, que ten como propósito converter a Comunidade nun destino hospitalario para todo aquel que queira coñecela e facer sentir aos turistas como na casa nos máis de 270 establecementos que contan con Q de Calidade Turística; nos balnearios de Galicia, a segunda potencia termal de Europa; ou en cada unha das etapas do Camiño de Santiago. Ese é un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego que está a permitir unha evolución responsable, diversificada e desestacionalizada da actividade turística en Galicia.
Relacionadas:
-
Nove fervenzas para descubrir esta Semana Santa
Por Redacción |
-
Máis dun 13% das visitas a Marín durante xullo foron de estranxeiros
Por Redacción |
-
'Vive o Camiño' programa música e teatro este verán en Pontevedra, Vilaboa, Barro, Caldas ou Portas
Por Redacción |
-
As máximas autoridades deportivas apoian a Pontevedra na presentación do ITU Multisport Festival 2019
Por Redacción |
-
Un parque nacional único no mundo
Por Noticia patrocinada |