PSOE e PP piden medidas para protexer a colonia felina da Horta do Cura
Por Redacción
A situación na que se atopa a colonia felina controlada da Horta do Cura sigue sendo "moi preocupante", segundo traslada a edil socialista Paloma Castro. As obras que se están a realizar nun inmoble próximo pon en risco aos animais e, con todo, o goberno municipal non adoptou medidas de control.
A colonia de gatos da Horta do Cura é unha das mais antigas da cidade, recorda Castro, con máis de 20 gatos. As obras poden provocar, engade a concelleira socialista, a dispersión dos animais con consecuencias que poden ser fatais para moitos dos felinos.
Esta situación "foi a gota que colmou o vaso" da asociación Difusión Felina, que anunciou a súa disolución ante a "desidia e desleixo" do goberno do BNG, que "pretende que fagan o seu traballo pero nin sequera se lle dan medios nin se conta con elas para adoptar plans e estratexias".
Pola súa banda, o Partido Popular tamén reclama que o goberno municipal tome medidas urxentes ante a situación na que se atopan máis de vinte gatos pertencentes a esta colonia controlada, integrados nun programa que xestiona a asociación Difusión Felina.
Os populares piden que se atenda as peticións deste colectivo que, segundo a edil María José Rodríguez Teso, atende unha competencia municipal cos seus propios medios e sen contar con ningún respaldo por parte do Concello.
Ademais, dende o PP solicitan ao goberno local a posta en marcha de campañas de adopción, esterilización e sensibilización; a instalación de carteis indicativos fixos e de casetas nas colonias controladas e a elaboración dun protocolo de recollida de gatos.