Difusión Felina ameaza con disolver a súa asociación se non aumenta a colaboración do Concello
Por Redacción
O presidente da asociación de protección animal Difusión Felina, Carlos Ferrer, lanzou este sábado un ultimato ao Concello, ao que pide que aumente a súa colaboración entre outras cousas no control e trato das colonias destes animais repartidas por diferentes puntos da cidade.
En concreto Ferrer reclama solucións aos problemas que se atopan no seu día a día, e ameaza en caso de non atopar resposta no prazo dun mes coa dimisión da xunta directiva e a posterior disolución da entidade.
"Ao longo destes anos non se recibiu o apoio suficiente á asociación para poder desempeñar un labor que corresponde única e exclusivamente a eles", defende Difusión Felina.
A pinga que colmou o vaso da súa paciencia foron unhas obras na contorna do Teatro Principal, onde se atopa unha colonia de gatos.
"Ninguén comunicou que se realizarían obras nesa zona para poder actuar con tempo suficiente, deixando á súa sorte a todos os gatos que alí viven", asegurou o presidente do colectivo.