Persoal sanitario dos PAC reclama calendarios laborais axustados coa xornada
Por Redacción
O persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) dos centros de Atención Primaria entregaron este martes na xerencia da área sanitaria de Pontevedra reclamacións individuais pedindo calendarios axustados coa xornada ordinaria que ten que facer cada profesional.
Segundo informou o sindicato CIG-Saúde, esta acción reivindicativa repetiuse en cada unha das áreas sanitarias galegas xuntando arredor de 400 solicitudes formais que demandan a elaboración inmediata destes calendarios laborais, tal e como figura no pacto 2008 de ordenación e provisión de postos de traballo no ámbito da Atención Primaria do Sergas.
Deste xeito figuraría por separado a xornada obrigatoria e a voluntaria, o que garantiría que cada traballador puidese gozar dos días libres que lle corresponde.
Dende o colectivo denuncian o "desleixo" da administración á hora de negociar melloras na asistencia sanitaria e nas condicións laborais dos traballadores. Critican que o departamento autonómico "está a dilatar de xeito inexplicable o proceso e non ofrece posibilidades de avance".
Neste senso, as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial do Sergas lamentan que a convocatoria da comisión técnica de PAC non se tivese celebrado antes de rematar o mes de xullo. Consideran que, están intentando demorar as negociacións para que remate o verán e advirten que isto tería como consecuencia o incremento das mobilizacións do colectivo afectado.