A vaga de calor activará o venres o nivel laranxa de alerta por altas temperaturas
Por Redacción
A Xunta de Galicia alerta dun episodio de temperaturas máximas de nivel laranxa que dará comezo este xoves na provincia de Ourense e estenderase ás Rías Baixas ao longo do venres.
Na zona costeira da provincial de Pontevedra poderase chegar aos 38 ou 39 graos de temperatura máxima durante a xornada do venres 3 de agosto, debido ao aire cálido impulsado polo anticiclón dos Azores.
As temperaturas mínimas tamén serán máis elevadas do normal, xa que segundo a predición de Meteogalicia situaranse nos 22 graos.
Este episodio de calor prolongarase en principio ata o domingo, aínda que as temperaturas descenderán lixeiramente.
RECOMENDACIÓNS
Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Tamén evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comer verduras e froitas en abundancia e evitar as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios aconséllase permanecer, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.
Cando se vaia a gozar da praia convén tomar o sol de forma progresiva durante os primeiros días, evitando as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Ao mesmo tempo, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince, aplicándoas 30 minutos antes da exposición e renovar cada 2 horas. Ademais, convén protexer aos nenos con gorra e camiseta opaca.