Unha cadela resulta ferida por un lazo de caza no Lago de Castiñeiras
Por Redacción
A asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber denuncian a presenza de lazos de caza na contorna do Lago de Castiñeiras que nos últimos días deixaron gravemente ferida a unha cadela.
O animal ferido tardou tres días en regresar xunto aos seus donos e, cando o fixo, tiña unha profunda ferida na barriga causada con bastante probabilidade por un lazo de caza colocado en algún lugar do parque.
A cadela recupérase coa súa familia, que xa comunicou a Libera que interpoñerá proximamente unha denuncia ante a Garda Civil co obxectivo de dar co responsable desta acción tan destrutiva como cruel.
Os colectivos animalistas pregúntanse polo sufrimento atroz que provocan estes métodos, non só en animais domésticos, senón nos silvestres que quedan ‘esquecidos’ nos lazos. Por mor deste incidente propoñen que se reforcen as inspeccións da Garda Civil e axentes ambientais na contorna de Cotorredondo.
Ademais, os colectivos lembran que o uso de métodos destrutivos de caza non están autorizados e poden constituír un delito contra a fauna castigado con ata dous anos de prisión, así como inhabilitacións para cazar por un máximo de 36 meses.
Os animalistas advirten que a Lei de Benestar Animal de Galicia contempla tamén sancións administrativas contra quen maltrate a un animal, con multas que poderían ascender ata os 30.000 euros no caso da cadela ferida, e a inhabilitación do autor ou autores por un máximo de dez anos para a tenencia.