A reforma da Casa Consistorial da Praza de España estará lista en outubro
Por Alejandro Espiño
A empresa Ediserpo será a encargada do arranxo da estrutura, fachadas e cuberta da Casa do Concello, na Praza de España. A Xunta de Goberno aprobou este luns unha adxudicación que ten un prezo de case 275.000 euros. Logo de cubrir os prazos administrativos, relativos á sinatura do contrato, as obras poderán comezar no prazo dun mes, aproximadamente e terán unha duración cuns catro meses.
No inicio deste mandato o goberno local acordou, tendo claro a necesidade de rehabilitar o edificio de Sesmeros debido ao seu estado de deterioro, realizar a reforma por fases, dada a situación económica actual e o importante custe que deberían asumir as arcas municipais ao facer fronte a unha rehabilitación integral que superaría os 2,5 millóns de euros.
A primeira parte da obra afecta ao acondicionamento exterior do edificio. Ao respecto da cuberta da Casa Consistorial devolveráselle o acabado de zinc que tiña a edificación na súa orixe, ennobrecendo o inmoble e recuperando o acabado tradicional. Tamén se renovarán todos os elementos da cuberta como os canalóns.
Os arranxos tamén se estenderán á estrutura da cuberta, unha estrutura de madeira que está atacada por carcoma, carcoma grande e termita. Daráselle un tratamento de desinfección e protección para evitar futuros ataques. Outros dos traballos desta primeira fase de rehabilitación é a reparación, recuperación e substitución das ventás e portas da carpintería exterior de todo o edificio.
O último dos aspectos da obra será a reparación de todos os panos brancos exteriores do edificio que se picarán e serán substituídos por morteiro de cal tradicional, recuperando tamén a orixe do edificio e seguindo os mesmos criterios cos que se actuou noutros edificios nobres da cidade.
Entre as melloras ofertadas pola empresa, valoradas en 55.000 euros, atópase a retirada do cabo da fachada traseira do edificio, a eliminación das luminarias actuais e dos seus cabos así como a retirada doutras canalizacións situadas nas distintas fachadas do edificio. Tamén se presentaron melloras específicas para o illamento termicoacústico da cuberta e garantías de calidade da obra.
CONVENIO CON OS PALLEIROS E OBRAS EN MONTE PORREIRO
Ademais, a Xunta de Goberno acordou renovar o convenio coa asociación Os Palleiros para que sigan xestionando a canceira municipal, situada en Campañó. Recibirán 27.400 euros anuais durante os próximos seis anos. A asociación deberá recibir aos animais abandonados, avisar aos seus donos cando os localicen, custodiar, alimentar e vacinar aos animais e sacrificalos en caso de enfermidade. O Concello pagará os gastos de luz, auga e recollida de lixo.
Por outra banda, xa está todo listo para que Concello e Deputación poidan asinar o convenio de execución das obras do campo de rugby de Monte Porreiro, que teñen un orzamento de 241.000 euros. Servirán para reforzar o noiro exterior dos terreos, construír aseos públicos e unha cantina, cubrir a grada existente, pechar os fondos cunha malla para evitar desprendementos e pavimentar os accesos ao campo.